Saltar ao contido

Narciso Doval

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Modelo:BiografíaNarciso Doval

Editar o valor en Wikidata
Nome orixinalNarciso Horacio Doval Vázquez
Biografía
Nacemento4 de xaneiro de 1944 Editar o valor en Wikidata
Buenos Aires, Arxentina Editar o valor en Wikidata
Morte12 de outubro de 1991 Editar o valor en Wikidata (47 anos)
Buenos Aires, Arxentina Editar o valor en Wikidata
Causa da morteinfarto agudo de miocardio Editar o valor en Wikidata
Altura175 cm Editar o valor en Wikidata
Peso70 kg Editar o valor en Wikidata
Actividade
Ocupaciónfutbolista Editar o valor en Wikidata
Período de actividade1962 Editar o valor en Wikidata - 1982 Editar o valor en Wikidata
Deportefútbol Editar o valor en Wikidata
Posición de xogoDianteiro
Traxectoria Editar o valor en Wikidata
  Equipo Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1962–1968   CA San Lorenzo 90(30)
1969–1970   Clube de Regatas do Flamengo 84(18)
1971–1971 cesión CA Huracán 29(5)
1972–1976   Clube de Regatas do Flamengo 61(15)
1976–1978 Fluminense Football Club 35(16)
1979–1979   CA San Lorenzo 22(10)
1980–1980 Cleveland Cobras 7(4)
1980–1982 New York Apollo 10(8)
  Selección nacional Número de partidos xogados Puntos/goles/tantos anotados
1967–1967   Arxentina 1(0)

Narciso Horacio Doval Vázquez, nado en Buenos Aires o 4 de xaneiro de 1944 e finado na mesma cidade o 12 de outubro de 1991, foi un futbolista arxentino-brasileiro de orixe galega.[1] Triunfou nos dous principais equipos do Río de Xaneiro, os rivais Flamengo e Fluminense, sendo admirado por ambas afeccións.[2] Anteriormente defendera as camisolas doutros dous rivais no seu país natal, San Lorenzo e Huracán.[3] Foi descrito como o "arxentino máis carioca que existiu"[4] e, acabou por nacionalizarse brasileiro.[5]

Está considerado como un dos mellores estranxeiros que pasaron polo fútbol brasileiro.[6] En 2001, dez anos despois da súa morte, foi elixido na terceira posición nunha enquisa da revista Placar para elixir o mellor estranxeiro do Campionato Brasileiro, sendo só superado por Elías Figueroa e Pedro Rocha.[7] Con 31 goles, é o cuarto máximo goleador estranxeiro do torneo, só por detrás de Víctor Aristizábal, Rodolfo Fischer e Dejan Petković,[8] e é o estranxeiro que máis goles marcou para o Flamengo (95).[9]

Faleceu prematuramente dun infarto aos 47 anos, mentres celebraba unha vitoria do Flamengo.[10][5][11] Era irmán do tamén futbolista Jorge Doval, que xogou no Platense e en varios equipos do fútbol español, entre eles o Mallorca e o Elche.

Traxectoria

[editar | editar a fonte]

San Lorenzo

[editar | editar a fonte]
Os Carasucias, célebre liña ofensiva do San Lorenzo nos anos 60, lembrados pola súa mocidade e irreverencia.[12] De esquerda a dereita: Doval, Fernando Areán, Héctor Veira, Victorio Casa e Roberto Telch.

Naceu e criouse no barrio porteño de Palermo, sendo fillo dun galego dono dun restaurante. Pronto quedou orfo, despois de que seu pai morrese dun infarto e súa nai de cancro. Un día, mentres xogaba no barrio como porteiro por mor dunha lesión no pé, e aínda así regateaba aos xogadores contrarios, foi observado polo vicepresidente do San Lorenzo de Almagro, que o fichou para a canteira do club.[13] Despois de dous anos nas categorías inferiores subiu ao primeiro equipo. Debutou en novembro de 1962, nunha derrota por 1-4 ante o River Plate, actuando no ataque xunto a un mito do club, José Sanfilippo. Ao ano seguinte só xogou tres partidos e non se estableceu na formación titular ata 1964.

Comezou a gañar fama durante a disputa da Copa Jorge Newbery, da que San Lorenzo se proclamu campión.[14] Durante ese torneo Doval comezou a ser aculmado El Loco, e a dianteira formada por el, Fernando Nano Areán, Héctor Bambino Veira, Victorio Manco Casa e Roberto Oveja Telch, foi coñecida como Os Carasucias.[12][15] No campionato arxentino, Ciclón conseguiu un razoable cuarto posto.

Doval foi considerado un dos mellores dianteiros arxentinos en 1967, chegando ese ano á selección arxentina. Porén, nunha viaxe co club[16] (outras fontes afirman que foi coa selección nacional),[17] foi acusado de acosar a unha azafata xunto con algúns compañeiros. Ao baixar do avión foi detido polo comandante. Algunhas fontes afirman que era inocente, pero que asumiu a culpa para protexer ao verdadeiro culpable, un compañeiro casado,[16] que sería Rafael Albrecht.[15] O incidente valeulle unha suspensión de dez meses.

A súa suspensión, a finais de 1967, desagradou a parte do público arxentino, que o tiña por ídolo, e durante un tempo houbo pancartas pedindo o seu regreso. Non puido xogar o Metropolitano de 1968, no que Os Carasucias pasaron a ser coñecidos como Os Matadores por lograr unha fazaña sen precedentes no país: proclamáronse campións de xeito invicto.[5]

Ese ano volveu a tempo para disputar cinco partidos no torneo Nacional, onde marcou catro goles.[16] En 1969, participou só na Copa Arxentina e nalgúns partidos do Metropolitano antes de abandonar o club.[18][19]

A continuación fichou polo Flamengo, animado polo adestrador brasileiro Tim, que dirixira o San Lorenzo no título de 1968.[20]

Chegada a Flamengo

[editar | editar a fonte]

No club carioca coincidiu con outro arxentino, o porteiro Rogelio Domínguez.[20] A pesar das súas boas actuacións individuais, o equipo obtivo malos resultados nas diferentes competicións. A súa situación no club empeorou coa chegada ao banco de Yustrich, co que acabou enfrontado, e pediu saír cedido.[13]

Cesión en Huracán

[editar | editar a fonte]

Volveu entón á Arxentina, cedido ao Huracán,[11] o máximo rival do seu antigo club, San Lorenzo. Alí coincidiu con mitos do club como Alfio Basile, Carlos Babington e Miguel Ángel Brindisi e tamén cos ex-sanlorencistas Héctor Veira e Alberto Rendo.

A pesar diso, o equipo dirixido por César Luis Menotti (que adestraría a Arxentina no vitorioso Mundial de 1978) tivo un ano de resultados desiguais. Aínda así, xogou un papel crucial na definición do Metropolitano de 1971: na rolda final enfrontáronse fóra da casa ao líder da competición, Vélez Sarsfield. O Vélez abriu o marcador e era virtual campión, polo que a afección xa festexaba o campionato, pero liderados por Doval, os visitantes déronlle a volta ao marcador, polo que o título acabou sendo para Independiente.[15]

Volta a Flamengo

[editar | editar a fonte]

Regresou ao Flamengo en 1972, xa con Zagallo como adestrador. No Campionato Carioca dese ano foi o máximo goleador,[21] e marcou ademais un dos goles que lle deron o título ao seu equipo, ante 136.829 persoas en Maracanã,[22] nunha final cun ambiente especial, pois tivo lugar no día festivo do 7 de setembro que marcaba o 150 aniversario da independencia do Brasil.[23] No club carioca formou unha gran parella atacante con Zico, axudados dende atrás por Geraldo.[24][25]

En 1973, sentíndose totalmente adaptado ao Brasil, solicitou a naturalización.[26] Ese ano participou no partido homenaxe a Garrincha.[27] No Campionato Carioca de 1973, o Flamengo gañou a primeira volta, pero o título acabou sendo para o Fluminense, nunha final na que Doval quedou no banco. Continuou no Flamengo a pesar de recibir ofertas do Racing de Estrasburgo, un dos mellores equipos franceses da época. Xustificouno deste xeito: "Que Francia nin que nada. A miña vida está en Río. Eu son carioca. Como podería vivir nunha cidade onde fai tanto frío?".[16]

Fluminense

[editar | editar a fonte]

Buscando reforzar o Fluminense, o seu entón presidente, Francisco Horta, propuxo un intercambio co Flamengo: os tricolores Toninho Baiano, Roberto e Zé Roberto irían ao Gávea, mentres que os rubronegros Doval, Rodrigues Neto e Renato, ao Laranjeiras.[28] Os dirixentes do Flamengo, xulgando a Doval xa maior (tiña máis de 30 anos), aceptaron. El respondeu: "Só en Brasil un xogador de 30 anos ou un pouco máis é considerado vello. Non me ven no campo, correndo, loitando, marcando goles?" . Non tardou moito en despexar as dúbidas, marcando 19 goles nos seus primeiros 27 partidos co seu novo club.[11]

Aínda que os afeccionados do Flamengo en xeral estaban máis irritados cos directivos do club que con Doval polo intercambio -un dos afeccionados máis ilustres, o músico Jorge Ben Jor, mesmo compuxo a canción "Troca-Troca" para expresar a súa indignación coa dirección flamenguista-, non deixaron de insultalo nos estadios.

O elenco de San Lorenzo de 1965. Doval, o primeiro agachado, foi o máximo goleador do equipo ese ano.[29]

Doval non tardou en converterse en ídolo mesmo nun equipo que reunía grandes nomes como Rivellino, Marco Antônio, Carlos Alberto Pintinho, Carlos Alberto Torres, Manfrini, Gil, Paulo Cézar Caju, Edinho e ao que chegou xunto con Doval, Dirceu.[28] Tras un mal comezo,[11] o gran xogo que despregou o equipo pronto lle valeu o alcume de Máquina Tricolor, e sería lembrado como un dos mellores equipos da historia do fútbol brasileiro.[28] Na final do Campionato Carioca de 1976 -que, impulsado polo intercambio, bateu récords de público, cunha media de 91.140 por partido[30]-, o arxentino marcou o gol do título (igual que en 1972) a falta de dous minutos para o final da prórroga, ante o Vasco da Gama.[31] Aínda que entrara lesionado ao campo [32] subiu máis que Abel e Mazarópi nun centro de Rivellino na área do Vasco para marcar de cabeza.[33] Foi o último dos seus 20 goles naquela edición do torneo, na que acabou como máximo goleador, igual que catro anos antes.[21]

Outras alegrías daquel 1976 foron contra equipos europeos: o Bayern de Múnic, campión de Europa e intercontinental ese ano, foi vencido nun Maracanã ateigado, e, no Torneo de París, o Fluminense gañou 3-1 a un combinado europeo que reunía aos entón subcampións do mundo Wim Suurbier, Willem van Hanegem, Rob Rensenbrink e o romanés Dudu Georgescu, máximo goleador europeo do período.[30] O Fluminense tamén estivo preto do título do Campionato Brasileiro de 1976, chegando ás semifinais, onde foi eliminado polo Corinthians en Maracanã, na famosa invasión corintiana.[34] A eliminación chegou nos penaltis, sendo Doval o único tricolor que marcou o seu lanzamento (fallaron Rodrigues Neto e Carlos Alberto Torres).[35] Foi elixido por Placar como o mellor dianteiro da competición, e galardoado coa súa única Bola de Prata. Nese ano, no que rematou como máximo goleador do club na tempada con 50 goles,[36] tamén obtivo a cidadanía brasileira.[1]

Doval mantivo o ritmo individual ao ano seguinte, pero aínda así, a eliminación ante o Corinthians acabou marcando a despedida da Máquina Tricolor.[37] En 1977, o equipo decepcionou no campionato carioca e no brasileiro, sendo o único logro un extraoficial: o Fluminense gañou o tradicional torneo amigable Teresa Herrera na súa 32ª edición, derrotando no estadio de Riazor a Feyenoord e Dukla Praha, campión checoslovaco.[38] Doval deixou o Fluminense en 1978, no medio dunha crise no club, de novo eliminado na segunda fase do campionato nacional.[39]

Post-Río

[editar | editar a fonte]

A continuación regresou á Arxentina, onde volveu ingresar no San Lorenzo, despois de dez anos.[2][10] Alí tivo como adestrador a Carlos Bilardo. Porén, o equipo, enfrontábase a unha importante crise institucional e tivo que vender as súas estrelas Jorge Olguín e Claudio Marangoni, ademais do seu tradicional estadio Gasómetro, abandonando o barrio de Boedo despois de sesenta anos. Doval xogou só un ano no club, sumando entre as dúas etapas co club 112 partidos e 40 goles, dous deles no derbi ante Huracán.[17]

Rematou a súa carreira nos Estados Unidos. No Cleveland Cobras xogou xunto a dous brasileiros: Rildo e Ivair.[40] Tamén xogou no New York United, onde alcanzou os decisivos play-off da American Soccer League, a segunda división do fútbol americano.[41]

Selección

[editar | editar a fonte]

Debutou coa selección arxentina o 15 de agosto de 1967, mentres formaba parte dos Carasucias de San Lorenzo. Foi nun partido contra a selección chilena en Santiago de Chile. Tras ese partido, a selección partiu de excursión por México e Europa, continente onde só se enfrontou a clubs, non a seleccións nacionais. Así, Doval defendeu o equipo catro veces máis, contra o Málaga (2-2), contra o Espanyol (derrota por 2-1), contra a Fiorentina (1-1) e contra o Lecce (0-0), marcando un gol contra a Fiorentina.

No seu regreso a San Lorenzo, xa veterano

Doval non tivo máis oportunidades coa selección, debido ao seu escándalo coa azafata e a consecuente suspensión, ocorridos a finais dese ano.[5] Xogou en tres ocasións coa selección do resto do mundo. O primeiro deles en 1973, no partido de despedida de Garrincha, e os outros dous en 1976, en dous amigables ante a selección brasileira. No primeiro deles tivo como compañeiros na dianteira ao soviético Volodimir Onishchenko e a Miguel Ángel Brindisi, nun partido que acabou con vitoria brasileira. No segundo xogou xunto a Johan Cruyff e marcou un gol nunha derrota por 1-2, e foron derrotados tamén no terceiro, por 1-3. Ademais xogou algúns partidos coa selección carioca.[42] En 1977 defendeu en Caracas a selección suramericana contra o Real Madrid, nun amigable festivo polo aniversario do descubrimento de América. O partido acabou con vitoria madridista por 0-2.[43]

Morreu o 12 de outubro de 1991, tras sufrir un paro cardíaco, ao igual que o seu pai, pouco despois de saír dunha discoteca de Buenos Aires, a New York City, con só 47 anos.[13][22][10] Alí acudira coa delegación do Flamengo para celebrar a vitoria ante o Estudiantes de La Plata pola Supercopa Libertadores. Doval seguía vencellado ao seu antigo club na década de 1980, pasándolle información sobre algúns dos opoñentes aos que se enfrontaba na Copa Libertadores.[44]

San Lorenzo
Flamengo
Fluminense

Invididuais

[editar | editar a fonte]
  1. 1,0 1,1 Quadros, Raul (22 de xullo de 1977). "Ainda somos professores". Placar (en portugués) (Editora Abril) (378): 12–14. 
  2. 2,0 2,1 Rezende, Marcelo (26 de xaneiro de 1979). "O Flu volta com tudo: dívidas, dispensas, decepções". Placar (en portugués) (Editora Abril) (457): 51. 
  3. Leal, Ubiratan (marzo de 2009). "Orgulhosamente bairrista". Trivela (en portugués) (Trivela Comunicações) (37): 56–61. 
  4. Rezende, Marcelo (26 de setembro de 1980). "Os 3 malandros do Flu". Placar (en portugués) (Editora Abril) (543): 12–13. 
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Azedo, Maurício; Quadros, Raul (10 de novembro de 1977). "A pose do malandro". Placar (en portugués) (Editora Abril) (394): 4–6. 
  6. Ídolos, sí, señor! (xuño de 2005). Placar n. 1283-A. Editora Abril, pp. 36-37
  7. Fontenelle, André (xaneiro de 2001). "O jogo do século". Placar (en portugués) (Editora Abril) (1171): 76–79. 
  8. Gringol (outubro de 2003). Placar n. 1263. Editora Abril, p. 81
  9. "Pet segue fazendo história no Flamengo" (en portugués). 20 de outubro de 2009. Consultado o 30 de decembro de 2021. 
  10. 10,0 10,1 10,2 Fontenelle, André (30 de outubro - 5 de novembro de 2001). ""El Loco" Doval". Placar (Editora Abril) (1203): 57. 
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Quadros, Raul (10 de setembro de 1976). "Tenho só 27 anos". Placar (en portugués) (Editora Abril) (335): 16–18. 
  12. 12,0 12,1 Cardoso, Maurício; Cerretti, Mauro (5 de marzo de 1976). "Só faltava essa milonga". Placar (en portugués) (Editora Abril) (308): 6–8. 
  13. 13,0 13,1 13,2 Laurence, Michel (12 de outubro de 1973). "El Loco Doval". Placar (en portugués) (Editora Abril) (187): 4–7. 
  14. 14,0 14,1 "Copa Jorge Newbery". museodesanlorenzo.com.ar (en castelán). Consultado o 30 de decembro de 2021. 
  15. 15,0 15,1 15,2 "Huracán vs. San Lorenzo: as figuras que defenderam ambos os rivais" (en castelán). 28 de xullo de 2012. Consultado o 30 de decembro de 2021. 
  16. 16,0 16,1 16,2 16,3 Fuentes, Fernando (2007). ""El Loco" Doval". San Lorenzo: el diccionario azulgrana (en castelán) (1ª ed.) (Buenos Aires,): 64. 
  17. 17,0 17,1 Perugino, Elías (setembro de 2011). "Narciso Horacio Doval". El Gráfico (en castelán) (Revistas Deportivas). 100 Ídolos de San Lorenzo (Especial 32): 13. 
  18. "Copa Argentina de 1969". museodesanlorenzo.com.ar (en castelán). Consultado o 30 de decembro de 2021. 
  19. Barja, Alberto. "Metro de 1969: Finalizo noveno." (en castelán). Consultado o 30 de decembro de 2021. 
  20. 20,0 20,1 Melo (24 de setembro de 2010). "A Invasão Argentina nos Anos 70". futebolportenho.com.br (en portugués). Consultado o 30 de decembro de 2021. 
  21. 21,0 21,1 "Lista de máximos goleadores co campionato carioca" (en portugués). Consultado o 30 de decembro de 2021. 
  22. 22,0 22,1 Iglesias, Waldemar (10 de febreiro de 2007). "Añoranzas para un loco" (en castelán). Consultado o 30 de decembro de 2021. 
  23. Campeão da independência (maio de 2005). Placar Especial 35 Anos - Coleção de Aniversário n. 2, "Os Grandes Clássicos". Editora Abril, p. 11
  24. Rezende, Marcelo (20 de abril de 1979). "Duas torcidas no ataque da seleção". Placar (en portugués) (Editora Abril) (469): 16–17. 
  25. Carvalho, Milton Costa (4 de maio de 1979). "Invicto! Como a galera queria". Placar (en portugués) (Editora Abril) (471): 4–5. 
  26. O gringo é nosso (20 de julho de 1973). Placar n. 175. Editora Abril, p. 34
  27. Andrade, Aristélio (23 de novembro de 1973). "As seleções no jogo de Garrincha". Placar (en portugués) (Editora Abril) (193): 39. 
  28. 28,0 28,1 28,2 Fluminense (1975-1977) (outubro de 1994). Placar n. 1097. Editora Abril, p. 21
  29. "Táboa de goleadores de San Lorenzo en 1965". museodesanlorenzo.com.ar (en castelán). Consultado o 30 de decembro de 2021. 
  30. 30,0 30,1 Rivelino pilotou a Máquina (junho de 2005). Placar Especial 35 Anos - Coleção de Aniversário n. 5, "Os Grandes Esquadrões". Editora Abril, pp. 36-39
  31. Escariz, Fernando (10 de junho de 1977). "Um cruzamento perfeito". Placar (en portugués) (Editora Abril) (372): 36–37. 
  32. Atalho para o sonho (julho de 1993). Placar n. 1085. Editora Abril, pp. 13-14
  33. O gol de Doval (14 de abril de 1986). Placar n. 829. Editora Abril, p. 5
  34. A invasão corintiana (março de 2004). Placar n. 1092. Editora Abril, p. 57
  35. A batalha do Timão no Maracanã (27 de maio de 1983). Placar n. 679. Editora Abril, p. 44
  36. Quadros, Raul (21 de janeiro de 1977). "Daqui ninguém me tira". Placar (en portugués) (Editora Abril) (352): 12–14. 
  37. Marques, Dassler (agosto de 2008). "10 maiores decepções do Maracanã". Trivela (en portugués) (Trivela Comunicações) (30): 10. 
  38. Lestón (9 de agosto de 1977). "Fluminense, todo un espectáculo". La Voz de Galicia (en castelán). p. 39. 
  39. Bolão Teste (18 de novembro de 1977). Placar n. 395. Editora Abril, pp. 64-65
  40. Correção (18 de julho de 1980). Placar n. 533. Editora Abril, p. 44
  41. Litterer, David. "The Year in American Soccer - 1980" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 11 de agosto de 2022. Consultado o 30 de decembro de 2021. 
  42. O melhor time de lá, a seleção, está no exílio (23 de abril de 1971). Placar n. 58. Editora Abril, p. 6
  43. Tabelão (21 de outubro de 1977). Placar n. 391. Editora Abril, pp. 89-93
  44. Doval, o "agente secreto" do Mengo (16 de março de 1984). Placar n. 721. Editora Abril, p. 53